luns, 25 de novembro de 2019

QUEN É QUEN?



Difícil non vai ser que adiviñedes quen son, pois dende pequecha tanto, tanto, non mudei. 

De min dicían que era imaxinativa, soñadora e argalleira! De calquera cousa era capaz de facer un xogo... pero o meu mellor xoguete por aquel entón, non era outro que o lapis, pois podía pasalo tempo a debuxar.
Ademáis do debuxo, era algo cantareira... sabíame cantas cancións saían nas películas infantís!


En canto a recordos da miña nenez, quedo coas tardes de inverno, cando saía da escola para ir á casa dos meus avós. 
Meu avó axudábame coas tarefas do cole, miña avoa preparaba a mellor merenda do mundo para repoñer forzas. Despois, ao calor da cociña de leña, sentaba a ver un anaco o Xabarín Club. Como me gustaban aquelas tardes...

  
Sabedes xa quen son? 
  

luns, 18 de novembro de 2019

QUEN É QUEN?



O primeiro que debedes saber de min é que o meu día preferido do ano é o do meu aniversario. Día que sempre agardo con moita ilusión e ganas. Por este motivo non houbo un ano na miña vida no que non o celebrase e por suposto soplar as velas non podía faltar.


O lugar que vedes nesa foto seguro que moitos e moitas xa o coñecedes, é o refuxio de Verdes. Alí teño pasado gran parte da miña infancia, acompañada cos meus avos e da miña familia. Que bos domingos aqueles nos que a sobremesa se estendía ata ben entrada a noite.

Outra parte importante da miña vida é esta, o baile tradicional galego. Comecei moi pequeniña, con só 5 aniños inicieime no baile galego e tamén tocaba a pandeireta. Esta paixón espertou grazas á miña irmán, ela contaxioume o gusto por este bonito mundo, e a día de hoxe ambas seguimos disfrutando del.


E por último, contarvos un segredo, sempre fun un pouco paiasiña como poderes ver na foto. Rir é unha desas cousas marabillosas da vida que non custa nada. Así que ride sempre moito, que despois da tormenta sempre sairá o sol.


Sabedes xa quen son?

mércores, 13 de novembro de 2019

QUEN É QUEN?



De seguro que axiña me ides recoñecer, pois nestes anos pouco teño cambiado, tanto no que respecta ao meu físico como ás actividades que levo a cabo no meu tempo de lecer.

Como vedes, dende ben pequena sempre me gustaron moito os animais e tiven a gran sorte de medrar rodeada de coellos, galiñas, porcos, cans, gatos, tartarugas, paxaros… Foi na infancia cando espertou en min o amor e o respecto pola natureza.

Todas e todos os que me coñecedes sabedes moi ben que me encanta disfrazarme. Sendo nena coma vós era moi habitual verme xogando pola casa ataviada coas máis peculiares vestimentas, incluso sen ser Samaín nin Entroido (por suposto, a miña festa preferida).

E por último, velaí tedes a fotografía que me sacaron o primeiro día que tiven unha actuación de baile galego. Hoxe, uns 28 anos despois, continuo gozando do noso folclore na Asociación Cultural Santa María de Torás.


  Xa sabes quen son?

luns, 4 de novembro de 2019