Dende o Portal da Lingua ou da Real Academia Galega ofrécensenos diferentes materias didácticos para traballar sobre a autora homenaxeada.
A continuación deixámosvos un resumo sobre a súa vida e obra:
Xela Arias Castaño naceu
en Sarria en 1962. Filla do escritor Valentín Arias e Amparo Castaño, foi unha das voces máis
singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e
tradutora.
Os
seus primeiros anos transcorren na contorna da Granxa de Barreiros, un dos
proxectos pedagóxicos de Antonio Fernández López que buscaba integrar a
natureza e a cultura galegas na aprendizaxe, na aldea de Ortoá.
En 1965, a familia
mudouse a Lugo e ela iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos
compromisos laborais do pai trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en
Vigo, onde rematou a ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro
premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.
De 1976 a 1980, cursou
o bacharelato e o COU no Instituto Castelao. Neste ano abandonou as aulas e
comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, onde desempeñou primeiro labores
de administración e logo de corrección de estilo e de edición.
Desde 1982, deu a
coñecer os seus poemas en recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna,
Faro de Vigo, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada etc.).
En 1986 foi finalista do
premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En
1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos,
asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o
poemario Darío
a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.
Exerceu un labor
pioneiro no mundo da tradución, ao verter ao galego os textos de Gianni Rodari (Contos
ó teléfono), Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña
Señá), W. Fernández Flórez (O bosque animado), Roald
Dahl (As
bruxas) ou Bram Stoker (Drácula); tamén participou
na tradución de O Quixote de Cervantes ou Dublineses de
Joyce. O seu traballo como tradutora fíxoa merecente de varios premios: o da
Sociedade da Língua Portuguesa (1987) por Amor de perdición, de
Camilo Castelo Branco; o Ramón Cabanillas (1994) por O derradeiro dos mohicanos,
de Fenimore Cooper, e, postumamente, o Plácido Castro (2004) por O
Spleen de París, de Baudelaire. Foi membro da Asociación de
Tradutores Galegos e formou parte do consello de redacción de Viceversa,
revista galega de tradución.
Sen abandonar as
anteriores ocupacións, en 1991 retomou os estudos para cursar Filoloxía
Hispánica na Universidade de Vigo e, posteriormente, Galego-Portugués. Desde
1999, exerceu a docencia en distintos institutos da xeografía galega. Foron
anos de intensa actividade cultural e implicación cívica, nos que participou
nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa
da Muller ou nas Noites Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.
A súa morte en 2003,
cando preparaba con Fernando Abreu o proxecto poético e musical Vencerse
é cousa de se tratar, ocasionou unha fonda conmoción no mundo
cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e homenaxes, como a organizada
en Vigo en 2004 pola Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación de
Tradutores Galegos (ATG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Xela Arias anticipou
nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da
década seguinte. Atreveuse a explorar o diálogo entre a poesía e a
fotografía ou a música e procurou novos espazos para ela en recitais, festivais
e outras intervencións. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co
código poético, cunha dimensión social e precursora da escritura de xénero.
(Texto extraído do Portal da Lingua Galega)
E aquí a biografía da autora a través de pictogramas (blog Anxopictogramas):